1-Abelente.X Memorial Manuel Texo de Vedra,(5-5-2007)- "A chegada dos Teleñecos"- Pedro Lamas.
2-Abelente.X Memorial Manuel Texo de Vedra - "Jotarreando" - Gonzalo Abelairas.
3-Os Chupacabras interpreteando a castiñeira.X Memorial 1º Premio
DISCO RECOPILATORIO. 10 ANOS DE MEMORIAL MANUEL TEXO
MANIFESTO. " X MEMORIAL. XURXO SOUTO.
EU QUERO SER GAITEIRO!!
Saúde e arroutada, veciñas e vindeiros ! Seguindo a pegada do mestre Manuel Texo, chego hoxe a Santa Cruz de Rivadulla, para berrar ben forte a canda vós: “Eu quero ser gaiteiro!!!”
A gaita galega fíxose tradicionalmente de madeira de buxo. Hai que agardar 130 anos para que a planta medre e cortala na lúa vella de xaneiro. Se non cumpres ben o rito, tras tan longa espera, a madeira non vale ren.
Ese buxo centenario está practicamente esgotado na Galiza. Álvaro Seivane, o grande construtor, fillo do mestre Xosé Seivane, di que teñen que buscar madeiras novas en terras de lonxe: granadillo en Mozambique, cocobolo en México. Os mestres enxebres manteñen contactos planetarios para darlle vida ao instrumento. Así e todo Álvaro non acaba de estar satisfeito. Non desbota a idea, algún día, de viaxar a Mozambique coa motoserra e cortar o granadillo ao seu xeito na lúa vella de xaneiro.
A gaita impón a súa ética cosmopolita. A consigna dos novos tempos non será pois facer punteiros de plástico, trátase de intercambiar esencias. E neste país da fin do mundo temos talento a eito para encher o planeta de emoción.
A gaita convive -pero non se somete- coas canles estreitas da música académica occidental. Ela vén de moi atrás, o seu poder excede o rego da escala diatónica dos outros instrumentos. O son do punteiro é un catalizador que fai agromar dimensións inéditas de nós, máis alá do convencional. Situados no espazo dos sentimentos, a gaita dá un paso máis: Misteriosa e rabuda, condúcenos ao dereito cara o inefable, cara a dimensión máis telúrica, misterenta e astral do ser humano.
A sorpresa é que estas emocións - tan íntimas- aparecen tamén en calquera persoa, de calquera lugar do planeta, cando entra en contacto coa aloumiña do seu son.
Xa o dixo Luís Seoane “ queremos enriquecer o mundo coa nosa diversidade”. E agora, abofé, estamos ben preparados para tal aventura. Campa por Galiza adiante unha fornada de artistas con características únicas. Por primeira vez na historia, tras a ditadura, toda unha xeración tivo ocasión de formarse na música galega e nos sons universais. Un feixe de novos virtuosos –moitos deles aquí presentes- que xa están a tinguir os camiños de Europa de dignidade gaiteira.
O mestre Xosé Romero, dos Rosales de Asados, di que “tocar a gaita é como sentir a aperta dunha rapariga”. Noutros instrumentos, nun saxo, nun piano, a música soa fóra de ti, dende a fronteira da boca e dos dedos. “Na gaita é o propio instrumento o que te envolve. Abrazas o fol, sentes o ronco profundo ás costas e o brillo do punteiro nos dedos”.
Eu tamén quero sentir esa emoción, eu tamén quero andar polo mundo, abrazar a canda vós ese misterio, para entrar en sintonía con Universo todo.
Por iso estou hoxe aquí, en Santa Cruz de Rivadulla, para honra a memoria do mestre Manuel Texo, para poder berrar ben forte: Eu quero ser gaiteiro!!
BIOGRAFÍA DE MANUEL TEXO GARCÍA
Naceu no outono de 1912.
Herdou do seu pai, gaiteiro, o amor pola música e dende os 10 anos comeza a estudiala, o que fará que con tan só 17 anos sexa un dos músicos fundadores da banda de Sta. Cruz de Ribadulla, o que fixo que a súa primeira actuación oficial fora no ano 1929 con motivo da inauguración da escola de Sta. Cruz de Ribadulla.
Aproximadamente sobre 1930 é un dos fundadores do coro dos " mozos de Sta. Cruz". Con motivo da guerra civil desfaise a banda e entre o ano 42 e 43, ao regresar os mozos sobrevivintes da guerra, entre eles Manuel Texo, refúndase a banda con el ó fronte como director provisional. A súa versatilidade facíalle peza imprescindible da banda xa que podía tocar tanto o fiscornio como o bombardino ou o saxofón
A pesar da súa constante vinculación coa banda, nunca deixou de lado os sons que o seu pai lle aprendera a sacar dunha gaita, sendo moi importante a súa aportación á conservación e recuperación de pezas de música tradicional.
Así foi membro do grupo de requintas chamado " As requintas de Sta. Cruz de Ribadulla", e en 1985 fúndase a Asociación Folclórica de Sta. Cruz de Ribadulla, sendo él mestre de gaiteiros e Manuel Alvela mestre de Bombo e Tamboril.
Esta prolífica carreira musical chegou ao seu fin no outono de 1996, cando Manuel Texo García morre á idade de 84 anos.
OS GAITEIROS DE PILOÑO.
A noite do 25 ó 26 de xullo do ano 1969, noite de Santiago,
tres gaiteiros de Piloño, Carmelo Espiño, o seu fillo Jesús e
Enrique Silva volvían ás súas casas despois de actuar na
festa de Santiago de Novefontes no concello de Touro. O único
instrumento que levaban devolta era a gaita de Valo de
Combarro prestada polo seu dono para aquela ocasión, os outros
instrumentos quedaran na casa dun veciño de Novefontes xa que
logo, debían volver a tocar ó día seguinte.
Sobre as 3 horas da madrugada chegan os tres músicos ao lugar
coñecido como “A Ponte Basebe” en compañía doutros tres
romeiros veciños da parroquia de Salgueiros: Manuel Pampín
Peiteado, José Souto Ramos e Carlitos Parcero Navaza, que
pretendían igual ca eles, volver ás súas casas cruzando o río
na barca de Saturno. O barqueiro non estaba.
O río, controlado pola central hidroeléctrica de Portodemouros
levaba moito caudal de auga.
O experto patrón fluvial, non aparecía.
Perdido o contacto co aramio guía que une ámbalas dúas beiras
do río, a barca perde autonomía e pérdese na escuridade, batendo
corpo con corpo uns homes que tentan resucitar dun
final que xa non ofrece dúbidas.
A traxedia non tarda en escribir tres nomes; os músicos
Enrique Silva e Carmelo Espiño e o mozo José Souto Ramos
desaparecen entre as augas.
Jesús Espiño, como hedra que se abraza ó ameneiro, combate
corpo a corpo contra o seu destino amarrado á vida, durante
seis horas de loita desesperada.
Nunha das beiras do río, onde a auga lixeiramente amaina das
correntes, a gaita de Valo, arrolada polos prantos dos
carballos , é rescatada do naufraxio.
Aquela madrugada de Santiago foi para Piloño, a derradeira
noite, o derradeiro estío, a derradeira viaxe da música á
escuridade de trinta e catro anos de silencio..................
A REQUINTA DE CARCACÍA.
Lembra D. José Bello que, de nenos, facían frautas de cana e " tutos" ou asubíos, cos que aprendían a tocar. As frautas eran de bisel e tiñan buratos. Tamén facían gaitas de alcacén, e dixo que había rapaces que tamén facían frautas traveseiras. Dixo tamén que se mercaban frautas e pínfanos para os rapaces na feira de Padrón.
Corría o ano 1942 cando o Sr. José Bello Bello, cando só contaba con dezaoito anos, entra a formar parte dos requinteiros de Carcacía como bombeiro. Comeza así a historia persoal, intensa e apasionada do Sr. José a través da música tradicional galega, sendo hoxe en día, os ollos que nos acercan a uns homes e a unhas formacións que ó longo do tempo fixeron que todo Galicia poidese disfrutar dos sons que nos son propios, sendo e creando o que hoxe é a nosa tradición.
A agrupación estaba formada por José Roca Carneiro e Antonio Bermúdez ( Antonio da Pargha) en gaita, José María Sánchez e José María Romero Pérez en requinta, Daniel Rivas Pérez na caixa e José Bello Bello a cargo do bombo. A formación mantense sen cambios durante varios anos ata que José Roca Carneiro e José María Romero Pérez deciden abandoar a formación, entrando no seu lugar Isolino Estévez e Isidoro Rodriguez, ámbolos dous gaiteiros.
Das terras de Lampai saían os buxos que José Roca Carneiro lle daba forma de gaita, os arillos do bombo facianse na fábrica dos Lemas ( A Gaiosa ) e as requintas viñan da Ulla, onde outros grupos de requinteiros estaban abrindose paso.
Eran anos nos que a música deixábase querer dunha maneira amable, sincera e sempre festeira. Así, recorda o Sr. Bello "A Requinta de Lampai", sempre benqueridos adversarios, fundada por José María "O Canteiro", mais non eran os únicos, estaban os grupos de gaitas Mourelos e O Xaneiro, ámbolos dous de Rois.
Eran anos duros, os homes e os instrumentos curtianse polas corredoiras pra dar as alboradas en Padrón, Vilagarcía ou Palmeira. Longas noites de volta con amenceres de cinco duros por cabeza e actuación, facían destes homes auténticos namorados da música. Recorda o Sr. José que a Vea ían a pé, levándolle o camiño dúas horas e pico, logo mercaron unhas bicicletas co que o camiño se facía máis levadeiro. Mais os recordos daqueles tempos culminan no Nadal e no Entroido onde en palabras do Sr. Bello "neses días non tocabamos por cartos, non saiamos polo aguinaldo, senón que simplemente iamos de carallada".
Cando o Sr. José contaba con trinta anos abandona o grupo debido ás presións do seu xefe por ausentarse do traballo en tempo de actuacións.
Debido a que o grupo non encontra novo bombeiro e a que Daniel Rivas Pérez decide abandoar a formación, na década dos anos 50 A Requinta de Carcacía chega ao seu fin deixando tras de sí unha estela viva e sincera que aínda perdura.
MANUEL GARCIA PEREIRA (LOLETE).OS ESTROBOS.
Manuel García Pereira, Lolete, que ten nome de neno, naceu en Ferrolterra cando corría o ano 1949, ten ollos ilusionados de quen percorre as terras do trobador Fernando Esquío, a Prza do Marqués de Amboaxe, o Arsenal ou mira pola ría cara o sur, cara a Mugardos onde moitos anos antes ca el naceu o noso Mózart galego, neno superdotado, violinista e compositor, aínda non ben reivindicado, o xenial Pedrito Arriola.
No ano 1970 contando con, 21 anos comeza a aprender a Bandurria e o Laud da man do Alvaro Fernandez Olleros. Eran anos de ilusión, de final de ciclo, de cambio e de soño, nunha cidade encantadora e encantada de Galicia, onde a ríxida xerarquía da Armada se combina polas rúas sempre paralelas de Ferrol (como unha tableta de chocolate) co fervedoiro proletario da Astano e a Bazán, cos rumorosos e un novo acervo galeguista que xa ve próximo o momento de espertar.
No ano 1791, nese Ferrol eterno, do cante da noite das Pepitas, intégrase na rondalla Harmonía dirixida por aquel entón polo Mestre Malde, co que comeza a practicar o coñecemento da Guitarra na modalidade de acompañamento.
No ano 1975 amplía os seus coñecementos musicais, e estuda solfexo coa pianista Natalia Lamas.
En 1975 intégrase no grupo de Baile Terra meiga, dirixido polo Mestre Garrote, outro apelido que forma parte do acervo musical galego, onde coñece a gaita e empeza a xogar cun punteiro prestado por un compañeiro de traballo, que tamén era poeta, gañador varios anos do Premio de Poesía Perez Paralle e foi en 1979, cando comeza a tocar a Gaita formando naquel momento o Cuarteo “os Estrobos”.
E a partires de aí, deu luz e vida a un dos grupos máis senlleiros da música tradicional galega. Os Estrobos foron e son uns clásicos en calquera romaría, festa, acto social ou xuntanza que teña alma galega e calor de Breogán.
Como non podía ser doutro xeito co traballo arreo e a nosa terra sempre foi abondosa en froito, o grupo non tardou nada en ter os recoñecemento da xente e os xurados.
No ano 1980 participa no concurso de cuartetos de Ponteareas Obtendo o 3º Premio.
En 1991 obteñen o 2º Premio no concurso de Cerdido
En 1981 Manuel García Pereira, empeza a dedicarse ao ensino da Gaita á vez que asiste a un curso de gaita bretona impartido na Universidade Popular de Vigo e Outro organizado polo Ateneo Ferrolano impartido por Patrick Molard.
Coas Bandas que dirixe actuou en todo o territorio nacional e no estranxeiro sempre con notable éxito, e moitos premios nos diferentes concursos nos que participaron.
3ª Premio no Concurso de Anceis no ano 1987.
3º Premio no Concurso de Bandas da Coruña , ano 1986.
1º Premio no Concurso de Bandas de 2º división en Ponferrada nos anos 2003 e 2203.
Dos seus alumnos tamén obtivo variados premios.
1º Premio no concurso de Cuartetos de Cerdido ano 1992.
2º Premio no Manuel Texo en 2001.
2º Premio no de Miño no ano 2001.
1º Premio no Concurso de Gaiteiros Solistas de Bandas de Gaita nos anos 97, 99 e 2001, 2º Premio nos anos 98 e2000 e 3º Premio no ano 2001.
Na Liga de Bandas obtiveron varios premios , e pasaron por todas a divisións con algunhas das súas formacións.
Este é, contado brevemente, a historia dun grupo, dun home, concibido e medrado na cidade onde hai máis rúas con nomes de mulleres, a rúa Dolores, a María, a Magdalena, a rúa Sol, a Real.... e é que, é imposible entender aos Estrobos, sen entender o apego, o arraigo e o respecto polo propio, polas terras do noroeste, do sitio onde a vella Europa abraza un infindo océano entre os castelos da Palma e o de San Felipe, do sitio onde a música se converte en amizade e arrecendo a país.
Recibide este galardón que levades do Val da Ulla, de Sta Cruz, onde tamén a música se fai terra con lentura, onde un puñado de mozos e mozas ilusionados honran á tradición e ao Sr Texo, levádeo e contádeo alá por onde toquedes e cantedes, coa honra de quen veu á Ulla, nas portas de Compostela e triunfou coa afouteza do repoludo gaiteiro vido do norte, coa ilusión de todos e todas as que por Galicia traballados e por vós mesmos, gaiteiros, que levades na fronte unha estrela e no bico un cantar.
GalegoZ xa está preparando o seu terceiro disco que se titulará “Viñeron da Galiza Interior” e que estará na Regueifa. net para baixar gratis e con licencia Creative Commons a comezos do 2009. Ademais podes ver a GalegoZ en:
Festas do Cristo en Porriño Venres 26 de Setembro
Pantanito+GalegoZ+Lamatumbá
Monterroso-Sitio Distinto en Monterroso Sábado 27 de Setembro
Leo e arremecaghoná+Novidades Carminha+Ataque Escampe+Os Tres trebóns+GalegoZ...